Verteduras de augas fecais restrinxen o marisqueo en Lourizán

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o venres, abril 06, 2007
Redacción El País | Pontevedra, 06.04.2007

O banco marisqueiro de Lourizán, en Pontevedra, foi declarado zona C pola presenza de augas fecais, unha cualificación que restrinxe a extracción de moluscos nesta área, unha da máis ricas de Galicia. As mariscadoras da ría pontevedresa mostráronse estrañadas polo aumento da contaminación e van esixir á Consellería de Pesca que lles remita os informes oficiais nos que se fundamenta a decisión.

Nesta parte da ría de Pontevedra xa se prohibiu o ano pasado a comercialización de marisco cru, pero tras unhas obras de reforma na depuradora de Praceres levantouse a restrición. Os mariscadores esixen á Xunta que pescude agora de onde vén a vertedura e o solucione. En declaracións a Europa Press, a portavoz das traballadoras de Lourizán, lembrou que deste banco viven unhas 500 familias galegas e expresou a súa preocupación pola posibilidade de que non poidan servir un pedido de semente de ameixa japónica que tiñan xa pechado.

Os mariscadores a pé de Lourizán, Raxó e Pontevedra reuniranse o vindeiro martes para abordar o asunto. O patrón maior da confraría de San Telmo, Miguel Pazos, non descarta convocar mobilizacións para obrigar á Xunta a solucionar o problema de contaminación.

Fonte: Xornal "El País". Artigo orixinal:  Verteduras de augas fecais restrinxen o marisqueo en Lourizán