Los Verdes denuncian a ilegalidade das depuradoras españolas

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o martes, febreiro 20, 2007
Redacción Los Verdes | Madrid, 20.02.2007

O Portavoz e deputado de Los Verdes, Francisco Garrido, xunto co voceiro de LV de Madrid, Bruno Estrada, denunciaron, hoxe, o incumprimento do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas (RAMINP) (Decreto 2414/1961, de 30), por parte de numerosas depuradoras españolas, que marca 2 Km. como distancia mínima entre as depuradoras e as zonas de vivendas.

Entre as poboacións denunciadas polos Verdes, atópanse Guadalaxara (Castela-A Mancha), Madrid, San Fernando de Henares, Velilla de San Antonio, Alcalá de Henares (Comunidade de Madrid), dous proxectos xa aprobados en Torrexón de Ardoz (C. Madrid) e Seseña ( C A Mancha ) e dúas depuradoras denunciadas e con sentenza de traslado en Fresnedilla de Oliva (C. Madrid) e Aranda del Duero (C. León). No caso de Seseña, segundo demostraron LV co plano da urbanización afectada, "a depuradora está pegada á zona de vivendas".

Los Verdes, quen fan responsables deste incumprimento aos concellos e aos gobernos autonómicos, consideran que o Ministerio de Medio Ambiente e o Ministerio de Sanidade e Consumo "deberían establecer un plan para que todas as depuradoras do Estado cumpran a normativa e para que non se constrúa ningunha nova á marxe dela". Xa que o Goberno central "debe ser quen coordine o problema, se o gobernos autonómicos e locais están a demostrar que non seguen o Regulamento".

Este incumprimento, que os portavoces de Los Verdes relacionan co crecemento urbanístico desaforado, "afecta á saúde pública", xa que, segundo denunciaron, as augas a depurar producen unha concentración de tóxicos que pode afectar gravemente a saúde das persoas que viven preto das depuradoras. Desde finais dos anos oitenta, segundo denunciaron LV, os casos de Leishmaniasis (enfermidade tropical relacionada co estancamento de augas) triplicouse en España, provocando mortes.

O deputado Francisco Garrido anunciou que presentará unha pregunta ao Goberno sobre estes incumprimentos "sobre todo, centrándose en Madrid, Castela-A Mancha e as Comunidades con litoral" e unha Proposición Non de Lei instando o Goberno a revisar, xunto coas Comunidades Autónomas, esta situación de incumprimento da área de seguridade establecida no Regulamento, por parte de tantas depuradoras españolas, e expondo mecanismos para evitar que isto continúe ocorrendo na construción de futuras depuradoras.

Fonte: Partido Ecoloxista Los Verdes. Artigo orixinal:  Os Verdes denuncian a ilegalidade das depuradoras españolas